Chega o inverno: O Bao e A Lanzada.

Teño un certo fetiche co istmo de A Lanzada, ata o punto de consideralo máis "o meu patch" que outros que teño máis preto e visito con máis asiduidade, como poden ser a Xunqueira do Lagares ou A Ramallosa. Como, a pesares disto, levaba demasiado sen pasar, encadeei dúas visitas cunha semana de diferenza, a derradeira o pasado día 10. Unha semana na que, por certo, chegou o inverno. Nesta segunda visita acompañoume Lucía, coa sempiterna e nunca cumprida promesa de que vería cullereiros. Escollimos un itinerario variado, comenzando nos observatorios do Bao, continuando cunha ruta duna-praia-duna pola Lanzada, volta ó Bao e rematando en Montalvo, na procura de haveldas. Rebentareivos o final, non había ningún.


 Píllaras douradas  (Pluvialis apricaria), dunas de A Lanzada.

O Bao estivo... bo, como está O Bao. Limícolos a centos: mazaricos (rubios, rabinegros, chiadores e reais), biluricos (comúns e claros), pilros (tridáctilos e comúns), píllaras (reais e cincentas), gabitas, virapedras... un show. Máis discreta a variedade, que non a cantidade, de patos, con moitísimo asubiador, o máis abundante de longo, un bo continxente de rabilongos (chegados esta mesma semana, xa vos digo que nestes días chegou o inverno) e algúns frisados, aparte dos omnipresentes lavancos. Algúns ardeidos completaban o panorama. O certo é que non aproveitamos todo o que poderíamos a presenza de especies, pois a choiva e a néboa fixeron difícil observar co (meu) telescopio, e empeoraran moito o rendemento da cámara. Teño moi pendente comenzar censar, máis por aprender que por interese na serie de datos, pero non era o día.


Pato rabilongo (Anas acuta), O Bao.

Tra-lo Bao, fumos á Lanzada. Xa a semana pasada tiña observadas píllaras douradas nas dunas (no mesmo sitio no que as vira en Febreiro, está claro que son de ideas fixas), pero Lucía non as vira antes e é un ave que paga a pena. Por suposto, alí andaban, correteando no convencemento de ser invisíbeis. Continuamos polas dunas só para levar a sorpresa da tarde, en forma dun pequeno grupo de pentumeiros, tres femias e dous machos, "preto" da praia, probablemente arrastrados polas treboadas que sacudiron estas semanas a costa galega. Non vou gaña-lo NPY coas fotos, pero fíxome moitísima ilusión, porque non contaba con eles e lles teño cariño. Continuamos un pouco máis polos camiños de táboas, entre liñaceiros, picas dos prados, xílgaros e un falcón antes de baixar á praia. Como procuraba cousas que atoparía en lados opostos (aves abeiradas dunha banda e movellas doutra), ía alternando a vista. Das primeiras, atopei tres mascatos (un adulto e dous xuvenís do ano), un deles vítima dun anzo, probablemente de palangre. Tamén apareceron as segundas (a miña primeira observación da tempada), dúas, unha xa coa plumaxe invernal e outra que aínda ten que perder parte do nupcial, incluíndo o xadrezado das ás. Para remata-lo día, achegámonos a Montalvo pero, como dixen, sen éxito. Ditos haveldas.


Pilros bulebule (Calidris alba), dous deles anelados, na Lanzada.

Dos nosos obxectivos (movellas, haveldas, cullereiros e píllaras douradas), atopamos a metade, que non é un mal balance, e levamos algunha sopresa agradable. O meu patch mantén alto o listón. Ó longo do inverno, achegareime de cando en cando, procurando algunhas das especies invernais que poden sedimentar pola zona, como as movellas pequena e ártica, o havelda ou a gaivota cana, ou mesmo algunha rareza, como a cerceta de Carolina ou a píllara dourada americana. 


Pica dos prados (Anthus pratensis), nos sendeiros de táboas da Lanzada.

Durante esta semana, estarei en Cádiz, asistindo ó Congreso Ibérico de Ornitoloxía. Aproveitaremos, na medida das nosas posibilidades, para explotar a provincia de Cádiz, un moi bo lugar para paxarear. Vémonos á volta!


Pentumeiros (Melanitta nigra).


Patos frisados (Anas strepera).


Movella grande (Gavia immer), aínda con parte de plumaxe nupcial.


Listaxe.

Limícolas
-Mazarico rubio (Limosa lapponica)
-Mazarico rabinegro (Limosa limosa)
-Mazarico chiador (Numenius phaeopus)
-Mazarico real (Numenius arquata)
-Bilurico común (Tringa totanus)
-Bilurico claro (Tringa nebularia)
-Pilro bulebule (Calidris alba)
-Pilro común (Calidris alpina)
-Píllara real (Charadrius hiaticula)
-Píllara cincenta (Pluvialis squatarola)
-Píllara dourada (Pluvialis apricaria)
-Gabita (Haemantopus ostralegus)
-Virapedras (Arenaria interpres)

Ardeidos
-Garza real (Ardea cinerea)
-Garzota (Egretta garzetta)

Gaivotas
-Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
-Gaviota escura (Larus fuscus)
-Gaviota chorona (Chroicocephalus ridibundus)

Patos
-Pato rabilongo (Anas acuta)
-Asubiador (Anas penelope)
-Lavanco (Anas platyrrhynchos)
-Pato frisado (Anas strepera)
-Pentumeiro (Melanitta nigra)

Rapaz
-Lagarteiro (Falco tinnunculus)
-Falcón peregrino (Falco peregrinus)
-Miñato (Buteo buteo)

Gavidos 
-Movella grande (Gavia immer)

Paseriformes
-Xílgaro (Carduelis carduelis)
-Liñaceiro (Carduelis cannabina)
-Pica dos prados (Anthus pratensis)

Córvidos
-Corvo pequeno (Corvus corone)

A listaxe é inintencionadamente parcial. Se me lembro dalgunha especie, ou xurde revisando fotos, engadireina máis adiante, pero en principio recolle, polo menos, as máis significativas. Prego desculpas pola falta de orde filoxenética. Outra materia pendente.

Comentarios

Publicacións populares